top of page
Foto del escritorFundacion XQB

Unha unidade didáctica achega ao alumnado á obra de Quessada

A iniciativa conta coa colaboración da Consellería de Cultura. Editáronse 200 exemplares que se distribuirán polos centros educativos de Galicia



O artista na aula e os nenos e nenas ao museo é un conxunto de materiais didácticos sobre Xaime Quessada, realizados por María Miguélez Vila para o alumnado de infantil, e editados pola Fundación Xaime Quesada Blanco, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O titular deste departamento, Román Rodríguez, participou na presentación da unidade didáctica este luns, nun acto que tivo lugar no CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso de Ourense.


O conselleiro afirmou que con este recurso abórdanse “cuestións básicas da aprendizaxe dos nenos e nenas, que favorecen a súa resposta creativa, que inflúen na adquisición dunha competencia clave como é a conciencia do valor social da cultura; e que se revelan, polo tanto, como partes esenciais da formación integral e humanística do noso alumnado.”

Actividades para achegarse á obra de Xaime Quessada

Así mesmo, Román Rodríguez explicou que os cadernos “non son só propostas para traballar as linguaxes e códigos das artes plásticas, senón que ofrecen actividades perfectamente deseñadas e estruturadas para achegarse e coñecer a obra dun creador ourensán e universal da altura de Xaime Quessada”, afirmando que “cómpre estarmos moi orgullosos do patrimonio cultural propio, da arte e dos artistas galegos, pasados, presentes e futuros.”

No acto participaron, ademais do titular de Cultura e Educación da Xunta, o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez Abad; a presidenta da Fundación Quesada Blanco, María Jesús Blanco; a directora do CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso, María Teresa Lage; e a autora das unidades didácticas para alumnado e profesorado, María Miguélez.



Dous cadernos para coñecer a Quessada

A guía pretende, segundo a autora da mesma, fomentar a comprensión da figura do artista, a reproducción das súas técnicas, e a creación autónoma, e ofrece ademais unha introducción eficaz para que a visita á colección de Quessada no Pazo de Vilamarín sexa o máis enriquecedora posible.

Os materiais da unidade didáctica O artista na aula e os nenos e nenas ao museo, tanto o Caderno para o profesorado como o caderno de fichas para o alumnado, xa están dispoñibles no repositorio de contidos do Espazo Abalar e no web de Cultura da Xunta de Galicia. Así mesmo, Cultura e Educación colaborou cunha tiraxe inicial de 200 exemplares que se distribuirán polos centros educativos de Galicia. “Como administración educativa autonómica –concluíu Román Rodríguez– debemos contribuír coa posta en marcha de proxectos didácticos e coa difusión de novos recursos de calidade para tratar de facilitarlle ao profesorado a súa importantísima tarefa.”

2 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

留言


bottom of page